Xoana
1 MúsicaQuen dixo que é de noso esta Terra
para nela sementar férreas fronteiras?
Quen converteu o mar nun punto negro
ao que van naufragar soños eternos?
A pel que nos envolve e aloumiña
xa non acalafría ante a inxustiza;
xa non se quebra con cruel anguria
de quen anceia un lar mentres camiña.
Das pedras valoramos a dureza,
dos homes, disque agora, a vileza.
Chegou a hora de tatuar nas almas
un corazón, un beixo, unha esperanza.
Se é tempo de liberarse,
se hai sorrisos no aire,
se ti e eu anceiamos sempre
unha vida, moitas, diferentes…
Sobran palmas que alzan o ego
de quen do mundo fai o seu feudo;
faltan mans que constrúan fogares
e destrúan barreiras de maldade.
Xa abonda de baldías escusas.
Dan vergonza as promesas obtusas.
Fan falla humanas obras e feitos
que á vida garantan o dereito.
Ringleiras de soños agatuñan murallas,
alfaias sen vida aboian nas praias.
Hoxe é a primeira alba dunha era
que agarda, apaixonada, sen espera,
que deixa atrás, por fin, no esquecemento
salaios, feridas, silencio…