Francisco Fernández Naval

1 Música
  • DIXECHES: vén a noite
    e eu non teño que facer na casa.

    Irei do teu luar
    ao teu baleiro,
    tránsito azul
    por entre a néboa
    dos teus ollos cegos.
    Percorrerei o val da luz
    aberto á escuma,
    os bosques de canción
    e de sombra,
    o río teu
    sosegado de veas e palabras
    e non me perderei,
    porque nacín das túas raizames húmidas
    do silencio feliz
    na flor dos días,
    na sorte de ter sido de ti.